Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta reafirma o seu compromiso no apoio ás entidades locais galegas para mellorar a súa transparencia

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participaron hoxe na presentación do “II Informe sobre o estado dos portais de transparencia nos concellos galegos”

O informe enmárcase no convenio de colaboración entre a Xunta, a Fegamp e a Universidade de Vigo a prol da transparencia nas administracións locais

O estudo recolle que o estudo recolle que o 96% dos municipios xa teñen portal de transparencia e o 88% contan con enlace na súa páxina ao portal
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2019.- A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, destacou hoxe durante a presentación do “II Informe sobre o estado dos portais de transparencia nos concellos galegos” o compromiso da Xunta para apoiar ás entidades locais da comunidade no cumprimento das súas obrigas en materia de transparencia, sobre todo nos que carecen de medios suficientes para facer fronte aos novos retos neste ámbito.

Á presentación do estudo tamén acudiu a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García. O codirector da Rede Localis, Alberto Vaquero, explicou os detalles do documento, xa que foi realizado por este grupo da Universidade de Vigo.

O informe enmárcase no proxecto de colaboración entre a Xunta, a Fegamp e a Universidade de Vigo para o impulso, a difusión e a mellora da transparencia no ámbito local. Este convenio inclúe accións como a elaboración do primeiro informe de diagnose deste tipo en 2017, a posta en marcha o ano pasado do Portal de Transparencia Local de Galicia, así como a entrega aos concellos da Guía Práctica de Transparencia Local de Galicia e de ferramentas de apoio para facilitarlles o cumprimento das súas obrigas legais. Ademais, ao abeiro deste acordo realízanse xornadas formativas para fomentar nas entidades locais a aprendizaxe sobre transparencia e contratación pública.

Natalia Prieto destacou que estas actuacións inciden na mellora da relación entre as administracións locais e os seus veciños e no incremento da confianza por parte da cidadanía na acción pública.

Este informe permite realizar unha comparativa cos resultados obtidos no estudo publicado hai dous anos e determinar así a evolución da transparencia nos concellos galegos. Tamén inclúe unha análise sobre o grado de aplicación dos indicadores recollidos na Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno.

O estudo recolle que o estudo recolle que o 96% dos municipios xa teñen portal de transparencia e o 88% contan con enlace na súa páxina ao portal, dez puntos máis que en 2017. Apunta tamén que o tamaño dos concellos condiciona os resultados. Así, todas as grandes cidades teñen portal de transparencia, pero a medida que descende a poboación, as porcentaxes baixan ata o 7% no caso dos máis pequenos.

En canto ao cumprimento da Lei de Transparencia, case o 89% dos concellos galegos publican información sobre as súas funcións, a normativa que se lles aplica e a súa estrutura organizativa. Ademais, o grao de actualización destes datos é do 97,5%. Os mellores resultados acádanse no que se refire á publicación da información relativa á actividade contractual e dos proxectos de regulamentos, cun grao de cumprimento do 93,3% e o 72,8% respectivamente.