Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca a importancia de incluír ás vítimas de agresións sexuais no servizo do teléfono 016

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiron esta tarde á Conferencia Sectorial de Igualdade, presidida pola vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo

O Goberno galego xa executou moitas das medidas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, como o reforzo da atención dos Puntos de Encontro Familiar, que se abordou na reunión de hoxe

Madrid, 17 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, tras a reunión mantida na Moncloa entre a Vicepresidencia do Goberno e as comunidades autónomas, a importancia de que o teléfono 016 de atención e asesoramento ás vítimas de violencia de xénero amplíe as súas funcións e inclúa na vindeira licitación do servizo a cobertura ás agresións sexuais. Na reunión de hoxe tamén se abordou reforzar os Puntos de Encontro Familiar e un convenio que permita o borrado directo do contido subido a internet sen autorización.

Alfonso Rueda e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiron esta tarde á Conferencia sectorial de Igualdade, que estivo presidida pola vicepresidenta do Goberno en funcións e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, Carmen Calvo, na que se acordou a ampliación das funcións do teléfono 016 que atende arredor de 3.600 mulleres cada ano en Galicia. O vicepresidente da Xunta insistiu en que as agresións sexuais tamén son violencia de xénero e non podían quedar fóra deste servizo.
O 016 é un teléfono gratuíto á disposición das vítimas que garante a confidencialidade, xa que non queda pegada na factura telefónica. Ademais, froito dun acordo entre a Xunta e o Goberno central, as chamadas que se produzan desde o 016 dende o ámbito territorial de Galicia derívanse automaticamente ao telefono 900 400 273 ou ao 112 no caso de que a usuaria o precise.

A ampliación do servizo do 016 á vítimas de agresións sexuais súmase ás iniciativas que o Goberno galego xa ten posto en marcha para facer fronte á violencia sexual contra as mulleres como a campaña Agresión OFF nos festivais de música, a formación ao persoal dos Centros de Información á Muller (CIM), o convenio coa Fundación Meniños para a intervención con estas vítimas, así como a implicación das universidades galegas.

No marco da Conferencia Sectorial de Igualdade tamén se abordou hoxe reforzar os Puntos de Encontro Familiar. Galicia xa ten implantada esta medida a través do convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Política Social. A especialización da formación do persoal dos Puntos de Encontro Familiar en Galicia para a atención aos casos de violencia de xénero e a aplicación de protocolos específicos conta cun investimento de 300.000 euros do Pacto de Estado.

Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Alfonso Rueda resaltou a necesidade da coordinación e a cooperación de todas as administracións na loita pola igualdade entre mulleres e homes e sinalou como exemplo dese consenso o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

No desenvolvemento que se está a facer dende o Goberno galego deste acordo, dotado con 16 millóns de euros, xa se executaron moitas das súas medidas, entre as que destaca que Galicia foi a primeira comunidade en dispoñer de axudas económicas ás vítimas. A Administración autonómica xa ten asinados convenios entre os distintos departamentos da Xunta para impulsar medidas de carácter integral e transversal ao amparo do Pacto de Estado e tamén formalizou acordos neste ámbito con distintos colectivos sociais co fin de loitar contra a violencia de xénero en todas as súas frontes.

O vicepresidente da Xunta tamén destacou a importancia da implicación das comunidades na difusión do convenio acordado hoxe para que a Axencia de Protección de Datos poida proceder a un borrado directo de internet do material gráfico subido sen consentimento. Alfonso Rueda incidiu na necesidade de difundir este convenio e que as comunidades con competencias en educación promovan a concienciación sobre este tema, sobre todo nos centros educativos pola especial incidencia destes casos entre a mocidade.