Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, 18 de outubro

O Goberno Galego con motivo do  Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, 18 de outubro, reafírmase na súa clara e decidida condena a esta grave violación dos dereitos humanos, calquera que sexa a súa forma e mostra o seu firme compromiso na prevención e na loita contra a trata de persoas, facendo especial fincapé no apoio incondicional ás vítimas.

No ano 2010, a Asemblea Xeral da ONU adoptou un Plan de Acción Mundial para combater un dos delitos máis execrables que aínda hoxe, a pesar de estar en pleno século XXI, segue existindo: o tráfico de persoas con fins de explotación sexual. Un terrible delito ligado ao crime organizado que afecta de maneira global á comunidade internacional, xa sexa como país de orixe, tránsito ou destino das vítimas desta forma de escravitude, contra o que todos os países deben loitar de maneira coordinada.

Segundo datos do último informe da Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito, o 94% das vítimas de trata con fins de explotación sexual son mulleres e nenas.

A pobreza, as migracións, os conflitos armados ou o cambio climático e os miles de persoas desprazadas que foxen como consecuencia destes desastres sitúanse entre as causas dunha realidade aterradora e cruel na que miles de mulleres e nenas son explotadas sexualmente. Un problema de dimensión transnacional pero tamén nacional, rexional e local no que hai que poñer aos Dereitos Humanos e a xustiza no centro dos nosos esforzos.

Neste sentido, a igualdade de xénero é un principio fundamental da Axenda 2030 das Nacións Unidas, e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable lémbrannos a gobernos e sociedade civil que na súa consecución é necesaria a erradicación de calquera tipo de discriminación e violencia contra as mulleres e as nenas, incluíndo a trata e a explotación sexual.

Moitas mulleres escapan dos seus países de orixe en busca dunha vida mellor, sen saber na súa fuxida que van caer nas redes das mafias e a traballar para as mesmas baixo o xugo dunha ameaza constante por parte dos seus traficantes, aos que non importa pisar a dignidade das persoas. As vítimas da escravitude sexual teñen dono e viven atrapadas polo medo e baixo ameazas contra elas e as súa familias.

Faise difícil comprender que os miles de homes que acoden en busca de sexo de pago non sexan conscientes do terror que se esconde detrás do seu consumo, ou non queiran mirar máis aló para tratar de comprender a transcendencia da súa participación nesta cadea opresora que fai posible que hoxe en día aínda siga existindo a escravitude humana.

Por todo o anterior, dende o Goberno galego e con motivo do Día Europeo contra a Trata de Seres humanos, pomos en marcha unha campaña de sensibilización social coa finalidade de seguir concienciando á sociedade na loita contra esta lacra, baixo o lema: A túa diversión destroza vidas.

Dende hai xa varios anos, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha serie de instrumentos dirixidos a garantir a protección das vítimas. Adoptáronse protocolos de detección e derivación de vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, que implican a profesionais de distintos ámbitos para garantir o acceso das vítimas a recursos de asistencia especializados. Ademais, temos claro que, xunto á protección das vítimas e a persecución do delito, é necesario impulsar accións de prevención e concienciación, dirixidas á poboación en xeral, sobre todo aos homes mozos, como pezas crave na erradicación destas situacións.

O Goberno Galego declara a súa firme vontade de seguir avanzando na erradicación da trata de seres humanos, un delito que produce devastadoras consecuencias nas persoas que son captadas e utilizadas como simple mercadoría.