Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A EGAP e Cruz Vermella Santiago asinan un convenio de colaboración

A Escola Galega de Administración Pública e a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Santiago inician unha colaboración que lles permitirá actuar de forma máis eficaz e eficiente no emprego dos seus medios humanos, materiais e organizativos

Grazas aos convenios de colaboración asinados en 2019 a EGAP convocou 122 actividades formativas

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2019.- A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o Presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Santiago, José Luis Barreiro Conde, asinaron esta semana un convenio de colaboración entre ambas as entidades. A sinatura deste documento ten como obxecto a colaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da competencia de ambas as institucións, actuando de xeito máis eficaz e eficiente no emprego dos seus medios humanos, materiais e organizativos. Este tipo de accións permítenlle á Escola xerar sinerxías con outras entidades para un mellor cumprimento dos seus fins, en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

Para o bo desenvolvemento das actividades que xurdan da sinatura deste convenio establecerase unha Comisión de mixta de seguimento, de composición paritaria, integrada por representantes de cada unha das institucións á que corresponderá a concreción, o seguimento, a interpretación e a avaliación das accións desenvolvidas.

Convenios da EGAP en 2019

Nestes momentos a Escola Galega de Administración Pública ten vixentes un total de 62 convenios con outros organismos públicos, colexios profesionais e asociacións que lle permitiron convocar ao longo do ano un total de 122 actividades formativas.

Este modelo de xestión colaborativa favorece a innovación e a mellor xestión dos recursos da organización, ao tempo que permite dar unha mellor resposta ás necesidades formativas da Administración pública galega e incrementar en número e en calidade a oferta formativa da Escola, facendo chegar a súa presenza a ámbitos de actuación máis extensos.