Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destina 207.000 euros para o fomento de 24 iniciativas empresariais na provincia de Lugo lideradas por mulleres

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se concederon axudas do Programa Emega para promover a posta en marcha de novos proxectos de negocio e a crear emprego por conta propia e allea

Hai iniciativas beneficiadas en 14 concellos lugueses relacionadas con diferentes sectores de actividade

Lugo, 21 de outubro de 2019.- A Secretaría Xeral de Igualdade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas do programa Emega, das que na provincia de Lugo se benefician 24 iniciativas empresariais lideradas por mulleres. As achegas concedidas suman un importe de 207.000 euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que esta convocatoria é cofinanciada co Fondo Social Europeo e permitíu a creación de 26 empregos, 24 por conta propia e dous por conta allea.

En todos os casos se trata de proxectos acollidos á liña ‘Emprende’ deste programa, destinada á promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a crear emprego por conta propia e allea. Ademais, un deles obtivo unha axuda complementaria da liña ‘Concilia’, dirixida a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Hai iniciativas beneficiadas en 14 concellos lugueses: Viveiro (5), Lugo (2), Palas de Rei (2), Mondoñedo (2), Chantada (2), Burela (2), Sarria (2), Portomarín, Rábade, Antas de Ulla, Quiroga, O Saviñao, Guitiriz e Vilalba.

Entre os proxectos apoiados figuran negocios relacionados coa hostalería, aloxamentos, comercios, elaboración e venda de produtos artesanais, formación, atención sanitaria, servizos, salóns de peiteado, unha empresa de espectáculos ou unha editorial de literatura infantil e xuvenil.

O obxecto do Programa Emega é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.

O programa Emega inclúe catro liñas específicas: ‘Emprende’ -á que se acolleron os proxectos lugueses-; ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres. A maiores, establece unha liña de axudas complementarias, a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.