Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica identifica a 34 persoas e leva a cabo 84 inspeccións por venda e consumo de alcohol e tabaco en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 84 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 15 concellos galegos entre o 14 e o 20 outubro de 2019.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana realizáronse 34 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, A Illa de Arousa, Lousame, Lugo, Marín, Meaño, Ourense, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Verín, Vigo e Vila de Cruces.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 34 persoas e inspeccionadas 84 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 9 actas de infracción: catro por consumo e tres por venda de alcohol, ademais dunha acta por consumo e outra por venda de tabaco.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.