Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta reafirma o seu apoio aos concellos galegos e aos profesionais para seguir mellorando o servizo de socorrismo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento as medidas que está levando a cabo o Goberno galego neste ámbito

A Xunta investiu neste exercicio 1,5 millóns de euros para financiar a contratación de socorristas nos concellos

En 2012 a Xunta aprobou un decreto para regular a formación mínima dos socorristas e fixar un nivel de esixencia axeitado á profesión

O Goberno galego tamén dota de material aos municipios costeiros, financia cursos de formación gratuíta e puxo en marcha procedementos de acreditación de competencias

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o apoio da Xunta aos concellos galegos e aos profesionais para seguir mellorando o servizo de socorrismo nas praias e espazos acuáticos galegos. Tamén apelou á implicación e colaboración do conxunto das administracións para poñer en marcha solucións eficaces.

Durante os últimos anos, a Xunta leva mantendo reunións coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -a competencia en materia de socorrismo é municipal-; así como con outras entidades de profesionais como a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, coa Cruz Vermella, coas Universidades galegas, e co Grupo de traballo en socorrismo acuático da Asociación de Busca e Salvamento de Galicia.

Froito deste diálogo, están sobre a mesa distintas medidas a estudar entre todos os actores implicados para mellorar o servizo de socorrismo. Trátase de posibles solucións como incrementar as vías de acceso á profesión sen reducir a esixencia de formación, a través da análise dos currículos dos títulos de graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Técnico superior en animación de actividades físicas e deportivas para ver se poderían convalidarse por módulos do curso ponte; ou o incremento do financiamento da formación gratuíta, que actualmente só está ofertando a Xunta e que se podería aumentar coa implicación de concellos e deputacións. Ademais, no ámbito da competencia municipal, propúxose que os concellos valoren mellorar as condicións de contratación e mesmo acorden un marco homoxéneo para axilizar, de ser o caso, as contratacións centralizadas.

Aposta da Xunta

A Xunta vén traballando nos últimos anos para colaborar na prestación dun servizo de socorrismo de calidade nas praias e espazos acuáticos galegos. No marco deste compromiso, aprobou en 2012 o decreto que regula a formación mínima para fixar un nivel de esixencia axeitado. Esta norma creou tamén o rexistro de socorristas. Ata ese momento non existía ningún regulamento ao respecto. Segundo o decreto, os socorristas deben contar con certificado de profesionalidade ou o título de técnico deportivo en salvamento e socorrismo.

Este decreto foi modificado en 2017, tras manter xuntanzas cos colectivos implicados, para permitir incorporar á profesión aos licenciados ou graduados en ciencias da actividade física e aos técnicos superiores en animación de actividades físicas e deportivas a través dun curso ponte. Ademais, tamén se ampliou o prazo para que os profesionais formados con anterioridade á entrada en vigor do decreto de 2012 teñan o tempo suficiente para obter a cualificación ou formación profesional correspondente.

Logo destas modificacións normativas, a Xunta vén colaborando para facilitar o cumprimento destes requisitos de formación. Así, concede axudas ás diferentes entidades acreditadas para impartir certificados de profesionalidade, financiando o 100% do seu custo; a Academia Galega de Seguridade Públicas (AGASP) tamén impartiu cursos de certificado de profesionalidade sen custo; e en 2013 púxose en marcha un procedemento de acreditación de competencias.

Grazas a todo este esforzo, hoxe en día no rexistro de socorristas hai inscritas preto de 5.400 persoas, isto é, as suficientes para cubrir as necesidades reais das praias de Galicia.

A Administración autonómica tamén concede anualmente axudas aos concellos para a contratación de socorristas. En concreto, este último ano, as axudas concedidas ascenderon a 1,5 millóns de euros que chegaron a 169 concellos. Ademais, a Xunta tamén dota de equipamento aos concellos costeiros, a quen nos últimos anos fixo entrega de embarcacións, motos acuáticas ou remolques de salvamento.