Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta incide na importancia de seguir acadando medidas de consenso na redacción definitiva da futura Lei de Xogo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na clausura do VI Encontro da Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO) para a competitividade do sector

O obxectivo principal desta Lei é adaptarse ás novas realidades e regular un xogo responsable, de aí que inclúa novidades como o reforzo dos controis ou a limitacións no número de establecementos e unha maior protección dos menores

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na clausura do VI Encontro da Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO) para a competitividade do sector, onde fixo especial fincapé en seguir acadando medidas de consenso para a redacción definitiva da futura Lei de Xogo.

Alfonso Rueda explicou que o Goberno galego está inmerso no proceso de elaboración da nova lei de xogo, que permitirá actualizar a anterior Lei -foi aprobada en 1985-, coa premisa de adaptala aos tempos actuais e aos novos modelos de xogo, mantendo múltiples reunións cos diferentes colectivos, asociacións, representantes Anpas, e empresarios, en xeral con todos os sectores que poidan estar involucrados nesta Lei.

A Xunta é consciente da preocupación social que se está xerando ao redor do xogo, de aí que estea traballando sobre a nova Lei con grupos de traballo, na procura do máximo consenso e sempre coa vontade de que todos os sectores que poidan estar involucrados poidan facer as súas achegas para que sexa aprobada co máximo consenso.

Alfonso Rueda apelou á responsabilidade de todas as partes nun sector que ten unha gran importancia na actividade económica e que contribúe en gran medida á xeración de riqueza e emprego na nosa comunidade, sendo un sector cunha actividade económica lícita, que se atopa controlada, vixiada e sometida a unha importante fiscalidade.

O obxectivo principal desta Lei é adaptarse ás novas realidades e regular un xogo responsable, de aí que inclúa novidades como o reforzo dos controis ou a limitacións no número de establecementos- actualmente xa está vixente un decreto que limita novas aperturas- e unha maior protección dos menores, incluíndo a obrigatoriedade de que todos os establecementos de xogo deberán ter control de acceso para evitar a entrada de menores e tamén das persoas que figuran voluntariamente no rexistro de prohibidos e establece maiores restricións á publicidade. Tamén se creará un Observatorio do Xogo e destinarase unha cuarta parte das sancións ao seu financiamento e a poñer en marcha campañas de prevención.