Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Xunta e Concello de Santiago reforzarán o servizo de Protección Civil de cara ao Xacobeo 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe co rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo

Técnicos de ambas administracións elaborarán un análise das necesidades para a continuación abordar a colaboración a través dun convenio

Renovan o seu compromiso coa comarcalización do parque de bombeiros e acordan dirixirse a Deputación e concellos para impulsala

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron hoxe un encontro no que un dos principais asuntos abordados foi a celebración do Xacobeo 2021, de cara ao cal se comprometeron a reforzar o servizo de Protección Civil e Emerxencias.

Concretamente, ambos dirixentes acordaron que técnicos da Xunta de Galicia e do Concello elaborarán unha análise das necesidades actuais en materia de Protección Civil, para a continuación proceder a asinar un convenio de colaboración para facer fronte a esas necesidades e que o servizo estea plenamente reforzado e operativo dende o día 1 de xaneiro de 2021 e ao longo de todo o Ano Xacobeo.

Tamén en materia de emerxencias, Rueda e Bugallo renovaron a súa vontade e o seu compromiso de abordar a comarcalización do parque de bombeiros. Ambos dirixentes apostaron por sumar esforzos para levar a cabo esta medida e avanzaron que se dirixirán ao resto dos concellos da comarca e á Deputación da Coruña para constatar que tamén están pola labor e reactivar o proxecto.

O Goberno galego ten apostado pola comarcalización dos parques de bombeiros das cidades para prestar un servizo profesional e eficaz á poboación da súa área máis próxima e ten incluído unha partida para tal fin nos orzamentos para 2020. Xa se ten avanzado na prestación dun servizo comarcalizado en Ferrol e en Santiago de Compostela constatouse no seu día o interese en levalo a cabo tanto por parte do Concello da capital como dos municipios da comarca e da Deputación provincial, ente encargado da xestión do consorcio provincial de bombeiros ao 50% coa Xunta de Galicia.