Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta pon en valor a mediación como solución alternativa á resolución de conflitos favorecendo tamén unha redución de litixiosidade nos xulgados

A Coruña, 25 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no I Congreso Internacional e V Congreso Nacional da Federación Nacional de Asociacións de Profesionais da Mediación (Fapromed), onde destacou a importancia da mediación como ferramenta alternativa e complementaria na resolución de conflitos fronte ás solucións tradicionais, e peza clave na redución da carga de litixiosidade e consecuentemente na baixada da carga de traballo nos xulgados galegos.

Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta co impulso da mediación intraxudicial porque coa axuda dun mediador imparcial as partes poden comprender á orixe das súas diferenzas, analizar as consecuencias do ocorrido e chegar a un acordo voluntario e consensuado coa participación dos propios interesados.

O vicepresidente da Xunta indicou que este sistema permite avanzar cara un modelo de xustiza restaurativa e destacou os importantes beneficios que supón para os cidadáns, ao permitir restablecer vías de diálogo e rebaixar a conflitividade. Nesta liña, sinalou que resulta de especial relevancia nos casos nos que é preciso manter unha relación futura entre as partes como acontece en conflitos do ámbito familiar.

Tamén sinalou as vantaxes que supón a mediación para a Administración de Xustiza, porque nalgúns casos evítase o proceso xudicial ou arquívanse os procedementos que derivaron no conflito. Por iso, a Xunta considera que é unha vía necesaria para que a xudicialización non supoña unha carga adicional para os xulgados en materias nas que a súa intervención non sempre está xustificada.

Mediación en Galicia

O Goberno galego aposta por este tipo de mecanismos e no 2009 comezou a implantación da mediación intraxudicial en Santiago, que se estendeu deste entón ás cidades de Ourense, Vigo, Pontevedra, Lugo, A Coruña e Ferrol. Ademais, traballa co Consello do Poder Xudicial, a Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e os colexios de avogados para impulsar programas de mediación.

A Administración autonómica tamén avanzou na mediación penal, con proxectos pilotos pioneiros que están a funcionar en Santiago de Compostela e na Coruña. Para difundir a mediación tamén no ámbito civil e mercantil, a Xunta colabora co Consello Xeral do Poder Xudicial e o Consello Galego de Cámaras de Comercio, e este ano renovou o protocolo co Consello Galego dos Procuradores.