Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta incide na importancia da actualización da formación dos corpos e forzas de seguridade en Galicia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no III Encontro de Policías Locais que tivo lugar na sede da Academia Galega de Seguridade Pública

A primeira e a segunda proba da segunda convocatoria unificada de oposicións a Policía Local celebraranse este domingo no recinto feiral de Silleda

A AGASP está a formar aos alumnos dos procesos de selección de policías locais centralizados polo Goberno galego e conta cun plan de formación continua para estes axentes

A Estrada (Pontevedra), 25 de outubro de 2019.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no III Encontro de Polícias Locais de Galicia organizado pola Asociación de Xefes e Mandos de Polícia Local de Galicia (Axempol) na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Na súa intervención recoñeceu o traballo dos policías locais nos concellos galegos e a importancia da actualización da formación dos corpos e forzas de seguridade do Estado, que se leva a cabo na AGASP.

Máis dun cento de axentes participaron no acto de hoxe no que se entregaron distincións a membros da asociación Axempol e no que tamén se celebrou unha mesa redonda sobre as novidades en materia de circulación e tráfico urbano.

A Academia Galega de Seguridade Pública está a formar aos alumnos dos procesos de selección para optar a prazas para Policía Local centralizados pola Xunta. A Administración autonómica publicou a finais de 2017 un decreto para unificar na AGASP as oposicións de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma voluntaria e, actualmente, xa son 73 os concellos que se adheriron a este procedemento.

Primeiras probas este domingo

No caso da policía local, en novembro de 2018 comezou o primeiro proceso para esta categoría con 38 prazas en 23 concellos e en xuño publicouse o segundo para cubrir 158 postos en 28 entidades locais (132 pola quenda libre e 26 pola quenda de concurso-mobilidade), do que este domingo comezarán as probas.

O recinto feiral de Silleda, no seu pavillón 2, acollerá o domingo a primeira proba sobre o test de coñecemento e a segunda coa proba de galego para os non exentos.

O primeiro proceso de selección de forma centralizada foi o de auxiliares coa celebración das probas entre maio e xuño de 2018 para optar a 109 prazas. En abril deste ano anunciouse a segunda convocatoria con 155 prazas para esta categoría. O proceso rematou en xuño coa adxudicación de postos.

A AGASP tamén está a formar no segundo semestre deste ano a máis dun milleiro de axentes da Policía Nacional con destino en Galicia, da Policía Autonómica, da Garda Civil e da Policía Local. Este plan de formación continua dispón para o persoal da Policía Local para o último cuadrimestre de 42 actividades e preto de 700 horas de formación.