Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta porá en marcha unha nova liña de subvencións aos concellos para habilitar parques infantís cubertos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento galego para explicar as contas do seu departamento para 2020

Máis do 70% do orzamento vai dirixido a violencia de xénero, emerxencias, xustiza, cooperación ao desenvolvemento e apoio aos concellos

En materia de violencia de xénero, poranse en marcha dous novos plans: para as vítimas de trata sexual e para a intervención con menores agresores

O orzamento do próximo ano consigna 15 millóns para rematar as obras da Cidade da Xustiza de Vigo

No eido das emerxencias, vólvese recoller o financiamento necesario para as comarcalizacións dos parques de bombeiros e 2,3 millóns de euros para o novo Plan de retirada da vespa velutina

Incrementarase a partida destinada á renovación das infraestruturas administrativas

Declaracións do vicepresidente da Xunta

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento galego para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio, onde máis do 70% irá destinado a violencia de xénero, emerxencias, xustiza, cooperación ao desenvolvemento e apoio aos concellos, cunha nova liña de axudas dirixida á construción de parques infantís cubertos e para cubrir instalacións deste tipo xa existentes.

Así o explicou hoxe o vicepresidente na presentación das actuacións previstas nos orzamentos para 2020 da Vicepresidencia, que superan por primeira vez os 300 millóns de euros. Deste total, sete de cada dez euros destinaranse aos programas de carácter máis social: a violencia de xénero, a atención ás emerxencias, a administración de xustiza, a cooperación ao desenvolvemento e o apoio aos concellos.

O orzamento da Secretaría Xeral da Igualdade aumenta en máis dun 8% con respecto ao ano pasado. No orzamento inclúese a consignación anual de 8 millóns de euros para a aplicación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. En 2020 está prevista a elaboración de dous novos plans: o primeiro Plan estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual e o Proxecto Fénix, de medidas de intervención integral con menores agresores de violencia de xénero.

Ademais, entre outras medidas, ampliarase o programa de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte dos concellos; aumentarase o apoio ás entidades locais para desenvolver medidas de fomento da igualdade; reforzarase a colaboración coas entidades de iniciativa social para atender ás mulleres que máis o precisan; e ampliarase o programa destinado á conciliación.

Ademais, en 2020 incrementarase a partida para o Plan de renovación das principais infraestruturas da administración autonómica. O obxectivo deste Plan é a restauración e mellora do patrimonio da comunidade autónoma, con especial incidencia na recuperación dos edificios emblemáticos do patrimonio histórico e na mellora da eficiencia enerxética.

Nos últimos anos, xa se executaron accións nesta liña e para 2020, ao abeiro deste Plan, están previstos un novo edificio administrativo en Ourense; a reforma interior e do edificio dos espellos de San Caetano; a segunda fase da obra de Benito Corbal en Pontevedra; melloras nos edificios administrativos de Ourense, Vigo, e Lugo; e melloras enerxéticas na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e no Pazo de Raxoi.

Xustiza e emerxencias

A Xustiza contará en 2020 cun total de 157,2 millóns de euros, dentro dos que se inclúe o orzamento necesario para finalizar as obras da Cidade da Xustiza de Vigo. Coa finalización desta obra porase tamén fin á renovación acometida dentro do Plan infraestruturas xudiciais, no que se investiron máis de 115 millóns de euros nos últimos anos.

O próximo exercicio tamén se continuará investindo en obras menores e de eficiencia enerxética; nos plans de renovación de mobiliario e seguridade; e na modernización da Administración de Xustiza (a través da AMTEGA).

A mellora da Administración de Xustiza tamén pasa por habilitar máis recursos. Así, en 2020 están orzamentados os fondos necesarios para financiar a integración de traballadores sociais nas Oficinas Xudiciais de Atención ás Vítimas, que a Xunta xa dotou de persoal psicólogo no 2017.

As emerxencias disporán de 31,9 millóns de euros. Como ata de agora, a Xunta seguirá colaborando na prestación de servizos de emerxencias de calidade mantendo a consignación para os consorcios de bombeiros, as subvencións á Protección Civil, e a dotación de equipamento a estes grupos.

Co obxectivo de continuar mellorando o mapa de emerxencias, as contas volven asignar 1,5 millóns de euros para as comarcalizacións dos parques de bombeiros. Tamén está previsto, tras o acordo coa FEGAMP para un novo convenio dos GES, que en 2020 se busque o consenso necesario para a ubicación de 3 novos GES e un servizo supramunicipal para cubrir zonas de sombra. Froito tamén do diálogo coa FEGAMP, inclúese unha partida dentro do Fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para o novo Plan de retirada sistemática de niños de vespa velutina. O orzamento total do Plan ascenderá a 2,3 millóns de euros grazas ás achegas das outras consellerías implicadas.

Apoio aos concellos

Ademais de colaborar en materia de emerxencias, o apoio constante os concellos segue sendo unha parte fundamental dos orzamentos de 2020. Así, por exemplo, o Fondo de Cooperación Local incrementará a súa partida ata os 135,8 millóns de euros, isto é, un 6,6% máis que na actualidade.

Nesta mesma liña de acción, aumentan nun millón de euros as subvencións para a mellora das infraestruturas municipais, que incluirán unha nova liña para o financiamento da construción de parques infantís cubertos ou a cubrición de parques xa construídos. As axudas ás asociacións veciñais tamén se verán incrementadas nun millón de euros, así como tamén se ampliará a dotación para os premios aos concellos que implanten medidas que impulsen a dinamización demográfica.

Outro dos aspectos máis sociais destes orzamentos para 2020 é o incremento da partida destinada á cooperación para o desenvolvemento, que aumenta tamén nun millón de euros. Isto supón unha suba de máis do 18%. Supérase así o compromiso adquirido no IV Plan director de Cooperación Galega 2018-2021, que establecía que os orzamentos debían aumentar como mínimo nun 11,4% con respecto ao anterior.

No ámbito das relacións exteriores, Galicia seguirá apostando por manter unha presenza activa en Europa aumentando o orzamento da Fundación Galicia Europa, que se centrará en dúas cuestións fundamentais: o seguimento das posibles consecuencias do Brexit e o mantemento dos fondos estruturais destinados a Galicia para os anos 2021-2027.

As medidas en materia de cooperación e relacións exteriores veranse blindadas coa aprobación o próximo ano da Lei galega de acción exterior e cooperación internacional para o desenvolvemento.