Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca o labor das agrupacións de Protección Civil a prol da cidadanía galega en situacións de risco e emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu ao acto de entrega de medallas e condecoracións da Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (ANAV)

No transcurso do acto foi concedida a Medalla de Ouro ao Mérito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó

Alfonso Rueda incidiu en que as Agrupacións son un dos piares básicos nas emerxencias na nosa comunidade, estando presentes no 75% dos concellos galegos

A Estrada (Pontevedra), 26 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia do traballo das agrupacións de ProtecciónCivil a prol da cidadanía galega, polo que indicou que é necesario felicitar ás persoas que dedican o seu tempo a labores de axuda e apoio aos demais de forma desinteresada e, de xeito especial, ós voluntarios como piar básico das emerxencias de Galicia.

Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu ao acto de entrega de medallas e condecoracións da Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (ANAV), onde se lle concedeu a Medalla de Ouro ao Mérito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, que foi recollida por Alfonso Rueda.

O vicepresidente da Xunta indicou que dende principios dos anos 90, cando comezaron os voluntarios de Protección Civil en Galicia, había só 9 agrupacións e hoxe suman máis de 220, o que supón que ao redor do 75 por cento dos concellos galegos contan cunha agrupación.

A Xunta leva colaborando dende hai anos coas Agrupacións coa finalidade de que poidan contar cos medios necesarios para levar a cabo as súas funcións, co obxectivo de que todas as Agrupacións conten como mínimo cun vehículo tipo pick-up, un remolque con material de atención a emerxencias e material específico dependendo da tipoloxía de risco máis frecuente no concello, como é o caso de esparexadores de sal ou cuñas quitaneves en zonas de montaña ou embarcacións en concellos de costa.

En total, lévanse destinado a este fin máis de 12 millóns de euros. Anualmente, ademais, se convocan axudas para o seu funcionamento e se asinan convenios específicos para determinadas funcións como a vixilancia nos camiños de Santiago, onde os voluntarios contribúen a garantir a seguridade dos peregrinos e a prestar unha primeira asistencia en caso de emerxencia.