Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta apoiará programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero en 10 entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para o desenvolvemento de itinerarios personalizados que favorezan a integración das vítimas no mercado laboral e así avanzar na súa recuperación integral

Entre as accións subvencionables inclúense plans personalizados e formación para a busca de emprego, xunto con actuacións de apoio á conciliación

Esta convocatoria enmárcase no desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas a entidades sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas e itinerarios personalizados que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia. Un total de dez entidades beneficiaranse destas subvencións ás que a Xunta destinou un total de 659.719 euros no marco do desenvolvemento das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Neste ano concederanse 165.247 euros e os 494.471 restantes en 2020.

O obxectivo destas subvencións é poñer en marcha accións que favorezan a inserción sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de desemprego, coa finalidade de que poidan integrarse no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral. Hai que ter en conta que a falta de recursos propios, en especial dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións, a ruptura coa situación de violencia.

Entre as accións subvencionables inclúense itinerarios de inserción que aborden un plan de acción personalizado para a busca de emprego de cada muller participante, o asesoramento na busca ou a mediación laboral e o contacto con empresas xestionando posibles ofertas. Outras actuacións están dirixidas á formación para o emprego, co obxectivo de capacitar ás participantes para o seu acceso ao posto de traballo cunha actualización e mellora das súas competencias profesionais.

A Xunta tamén financia a través destas axudas actuacións de apoio á conciliación, ao poñer á súa disposición servizos de atención persoal ou familiar, no fogar ou nun recurso comunitario, coa finalidade de facilitar a participación destas mulleres nas actividades do seu itinerario de inserción sociolaboral ou de formación para o emprego.

Para incentivar a participación na iniciativa, o Goberno galego incluíu na convocatoria bolsas a través das que compensar cunha axuda económica ás participantes para cubrir os seus gastos de transporte e desprazamento. As axudas inscríbense no compromiso da Xunta na loita e prevención da violencia de xénero e na dotación de recursos integrais as vítimas para facilitar a súa saída da situación de violencia. Nesta liña, o Goberno galego tamén puxo en marcha por primeira vez este ano outra convocatoria para fomentar a contratación de vítimas de violencia de xénero nos concellos galegos, que permitiu a contratación de 77 mulleres.