Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica identifica a 54 persoas e leva a cabo 95 inspeccións por venda e consumo de alcohol en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 95 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 9 concellos galegos entre o 21 e o 27 outubro de 2019.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana realizáronse 26 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, A Estrada, Lugo, Pontevedra, Porto do Son, Rois, Santiago de Compostela, Tui e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 54 persoas e inspeccionadas 95 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 7 actas de infracción, cinco delas por consumo de alcohol e dúas por venda de alcohol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.