Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta aposta pola implicación dos centros de ensino e as familias na educación en igualdade para a prevención da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na xornada de escola de familias 'Ferramentas para educar en igualdade' organizada pola Asociación de Pais e Nais Picariños do CEIP Figueroa da Estrada

Esta asociación recibiu apoio do Goberno galego para poñer en marcha o proxecto 'Igualdade+Corresponsabilidade=Respecto' ao abeiro das axudas ás Anpas para a promoción de igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero

A Estrada (Pontevedra), 28 de outubro de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á xornada de escola de familias Ferramentas para educar en igualdade, organizada pola Asociación de Pais e Nais (Anpa) Picariños do CEIP Figueroa da Estrada, onde destacou a importancia da implicación dos centros de ensino e as familias para unha educación en igualdade coa que erradicar os estereotipos sexistas entre os máis novos e, desta forma, contribuír á prevención da violencia de xénero.

Neste acto tamén se presentou o proxecto Igualdade+Corresponsabilidade=Respecto da Anpa Picariños e levado a cabo pola Asociación para o Crecemento e Orientación en Familia (Acrofam), que está financiado ao abeiro das axudas da Xunta ás Anpas para a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero.

A iniciativa inclúe a posta en marcha de xornadas, actividades e obradoiros para desenvolver no centro escolar sobre igualdade, violencia de xénero, corresponsabilidade e educación afectivo-sexual, así como temáticas para traballar cos adultos a través das catro sesións de escola de familias, na que se inclúe esta primeira sobre Ferramentas para educar en Igualdade, impartida hoxe pola psicóloga Ana Jack.

As axudas da Xunta ás Anpas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, apoian actuacións como escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, educación afectivo-sexual ou violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para axudar a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado das novas tecnoloxías; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero e os protocolos existentes en casos de agresións.