Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Máis de 500 empregados públicos da Xunta coñecen o funcionamento do Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou esta mañá na segunda xornada explicativa do sistema para o persoal das distintas consellerías do Goberno galego

A formación sobre o funcionamento desta ferramenta continuará a partir da próxima semana nas delegacións territoriais da Xunta para formar 200 funcionarios

O SIACI recolle nun único punto a xestión das queixas, suxestións e solicitudes tanto de información xeral e particular como de acceso a información pública e permite reducir os prazos de resposta, eliminar o papel na tramitación interna e consolidar unha administración moderna, transparente e dixital

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019.- A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou está mañá na xornada explicativa para persoal da Xunta sobre o Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía (SIACI). Máis de 500 funcionarios do Goberno galego coñecen durante estes días o funcionamento deste sistema. Á formación de hoxe asistiron 149 funcionarios das consellerías de Educación Universidade e Formación Profesional; Cultura e Turismo; Política Social; e Medio Rural, que se suman aos 143 dos departamentos de Facenda; Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Infraestruturas e Mobilidade; Economía, Emprego e Industria; e Sanidade, que participaron na xornada de onte.

A formación seguirá nas delegacións territoriais da Xunta a partir da próxima semana para achegar o SIACI a outros 200 empregados públicos. A primeira das xornadas nas provincias será o martes, 5 de novembro, na delegación do Goberno galego en Lugo; o venres, día 8, impartirase nas de Pontevedra e Vigo; o 13 de novembro na delegación territorial da Xunta na Coruña; e o día 14 na de Ourense.

A Xunta xa organizou unha xornada similar o pasado 23 de setembro destinada a 100 empregados da Presidencia, da Vicepresidencia e das delegacións territoriais que xa aprenderon a empregar esta ferramenta.

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa destacou que este sistema de atención permitirá reducir os prazos de resposta, eliminar o papel na tramitación interna e continuar a consolidar unha administración moderna, transparente e dixital. Nesta liña, explicou que o SIACI recolle nun único punto a xestión de tódalas queixas ou suxestións, así como as solicitudes de información xeral e particular e de acceso a información pública, que a cidadanía desexe presentar por vía electrónica, presencial ou telefónica.

O Sistema Integrado de Atención á Cidadanía (SIACI) é unha ferramenta de xestión e tramitación electrónica integral de procedementos transversais de atención á cidadanía que permite xestionar e medir a satisfacción respecto dos servizos prestados e da información facilitada, no ámbito da administración, contribuíndo á súa mellora.

Unha ferramenta transversal

A implantación desta solución tecnolóxica permitirá dispoñer dunha ferramenta transversal única para a Xunta na que xestionar os procedementos para a atención á cidadanía mediante a tramitación electrónica de principio a fin, optimizando as competencias do persoal empregado público e homoxeneizando a xestión da administración nos procesos aos que dará cobertura, en canto a prazos e formas de actuación. Ademais detectará e permitirá articular as posibles melloras, para aplicar as modificacións oportunas nos servizos e procedementos en relación á prestación de servizos á cidadanía.

A través do SIACI os cidadáns teñen a posibilidade de ser atendidos a través dun sistema único e integral; ao mesmo tempo que se lles facilita o acceso a través de distintos canles para presentar as súas solicitudes de información e as súas queixas ou suxestións; e tamén poden coñecer en que estado de tramitación se atopa o expediente sobre a petición realizada desde un único punto a través da integración na Carpeta do Cidadán.