Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal recibe o premio 'Sail of Papenburg' polo Proxecto Nortear de intercambio cultural

O galardón recoñece ás mellores iniciativas no ámbito da cooperación transfronteiriza que poidan considerarse exemplos de boas prácticas

O proxecto europeo Nortear busca fomentar o maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xa conseguiu esta distinción no 2007 polo Servizo de Estudos do Eixo Atlántico, e no 2012 polo recoñecemento mutuo dos estudos de Formación Profesional entre Galicia e Portugal
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2019.- A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal resultou galardoada polo seu proxecto de intercambio cultural Nortear co premio transfronteirizo “Sail of Papenburg”, que concede cada ano a Asemblea Xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE).

É a terceira ocasión que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal recibe este recoñecemento. A primeira vez foi en 2007, en conxunto coa rexión do Alto Rin, polo Servizo de Estudos do Eixo Atlántico; e a segunda en 2012 foi concedido á AECT polo seu traballo na homologación e equivalencia dos títulos de estudos de Formación Profesional e certificacións que se aplican a ambos lados da fronteira entre Galicia e Portugal.

Desta volta, o traballo premiado da AECT foi o proxecto europeo Nortear, levado a cabo en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e a Dirección Xeral de Cultura do Norte de Portugal. Esta iniciativa basease na vontade dos organismos implicados de fomentar o coñecemento mutuo e promover a cooperación e a colaboración multicultural transfronteiriza coa difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal.

O proxecto conta con diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación.

Unha das súas actividades é o premio Nortear, que xa vai pola súa quinta edición, e que permite que a mocidade galega e portuguesa cree vínculos entre as dúas literaturas. Cada ano este premio recoñece obras literarias orixinais de Galicia e Portugal co obxectivo de incentivar a produción literaria entre as xeración máis novas e favorecer a circulación e distribución de obras literarias para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.

A Asemblea Xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) outorga anualmente o premio “Sail of Papenburg” para recoñecer aos mellores programas, proxectos e accións no ámbito da cooperación transfronteiriza e que podan considerarse exemplos de boas prácticas. Ademais, serve para galardoar ás rexións fronteirizas e transfronteirizas por contribuír de forma activa a fortalecer as relacións nas fronteiras europeas.
Na convocatoria deste ano presentáronse 21 candidaturas de todas as rexións transfronteirizas de Europa. Ademais do proxecto Nortear, da AECT da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, o xurado, integrado por expertos independentes de recoñecido prestixio no mundo da cooperación transfronteiriza, recoñeceu o labor de tres finalistas: os proxectos presentados polas Eurorrexións DNL (Holanda -Alemaña), Bothnian Arc (Suecia -Finlandia) e Pirineos Mediterráneo (España-Francia).

A ARFE é unha organización europea nacida en 1971 coa finalidade de representar os intereses do cento de rexións europeas que a integran, así como promover a cooperación interrexional e o intercambio de información e experiencias á hora de afrontar problemas comúns para estas áreas.