Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O Club Deportivo Lugo e o Club Baloncesto Breogán colaborarán coa Xunta na loita contra a violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da implicación do deporte para educar e concienciar á mocidade na igualdade e como aliado para erradicar a violencia machista

Os convenios de patrocinio asinados hoxe cos dous equipos de Lugo forman parte dunha actuación con clubs profesionais de fútbol e baloncesto para que contribúan a transmitir contidos relacionados coa loita pola tolerancia, a igualdade e a non violencia no deporte e na vida

A iniciativa forma parte das actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en materia de deporte que inclúen tamén campañas de prevención e sensibilización con deportistas e equipos de alto nivel e colectivos das federacións deportivas
 

Lugo, 30 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da implicación do deporte como aliado na loita contra a violencia de xénero, porque pola repercusión que xera, é un ámbito idóneo para educar e concienciar as xeracións máis novas na tolerancia e en que non pode existir discriminación por cuestión de xénero. Por iso, agradeceu o compromiso do C.D Lugo e o C.B. Breogán que hoxe asinaron sendos convenios de patrocinio coa Xunta para visibilizar e erradicar a lacra da violencia machista.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinou estes acordos co presidente do C.B Lugo, Constantino Saqués, e o do C.B. Breogán, José Antonio Caneda. Ao acto tamén acudiron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. Alumnos do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e do IES Lucus Augusti asistiron como espectadores para concienciarse da importancia da igualdade.

Ambos equipos deberán transmitir contidos relacionados coa loita pola tolerancia, a igualdade entre mulleres e homes e a non violencia de xénero no deporte e na vida, así como dedicar un dos seus partidos a esta temática.

O Goberno galego pretende con esta iniciativa reforzar a prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero. Desta forma, aproveitase o impacto dos clubs profesionais na sociedade para traballar nunha educación sen discriminación.

A través destes convenios de patrocinio, ademais do C.D. Lugo e o C.B. Breogán, tamén contribuirán á loita contra a violencia de xénero o Real Club Deportivo da Coruña e o Obradoiro C.A.B, xunto co Real Club Celta de Vigo, que xa firmou este acordo coa Xunta a semana pasada.

Alfonso Rueda incidiu en que os deportistas son referentes para a mocidade e, por tanto, son os mellores embaixadores para inculcar aos mais novos que a igualdade debe ser un valor esencial para a convivencia entre as mulleres e homes.

O vicepresidente da Xunta resaltou a necesidade destas colaboracións porque a eliminación da violencia contra as mulleres precisa do compromiso tanto do mundo do deporte como do resto de esferas da sociedade, así como das institucións para acabar con esta lacra.

A secretaria xeral da Igualdade avogou tamén pola implicación das institucións, do mundo do deporte e da sociedade en xeral para colaborar na educación na igualdade entre mulleres e homes e na loita contra a violencia machista.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, destacou o poder do fútbol e do baloncesto, practicados por unha elevada porcentaxe da poboación, para enviar unha mensaxe tan importante como a de non á violencia de xénero, non ao machismo, non ao maltrato, non á desigualdade, non á violencia económica, non á explotación sexual, non en definitiva, a todo o que nos separa. Así tamén valorou a importancia da asistencia de nenos e nenas a este acto de sinatura porque son eles os destinatarios principais da campaña xa que deben interiorizar a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

Estes convenios de patrocinio cos clubs profesionais intégranse no convenio de colaboración no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero entre a Vicepresidencia da Xunta e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Ao abeiro deste acordo entre os dous departamentos, o Goberno galego desenvolve campañas de prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero que teñen como principais destinatarios a nenos e nenas, adolescentes e a mocidade, co obxectivo de que se conciencien da importancia de convivir en igualdade.

As iniciativas para desenvolver en Galicia o Pacto contra a Violencia de Xénero en materia de deportes inclúen actividades con diferentes colectivos das federacións deportivas galegas como o colectivo arbitral, así como o programa Xogade para formar aos alumnos dos centros educativos en valores de respecto, igualdade e prevención da violencia machista.

Xunto cos clubs profesionais de fútbol e baloncesto e equipos de alto nivel, o convenio entre Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte conta cunha campaña que conta coa implicación de deportistas de élite galegos, entre eles deportistas galegos clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020 ou que participaron en Xogos Olímpicos e Paralímpicos de anos anteriores.

Javier Gómez Noya, Tamara Echegoyen, Cristian Toro, Teresa Portela, Ana Peleteiro ou Adrián Ben son só algúns dos 25 deportistas galegos que na primeira fase da campaña asinaron convenios de patrocinio co Goberno galego para converterse en embaixadores da igualdade e visibilizar a loita contra a violencia de xénero para conseguir a súa erradicación.

A colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte forma parte dunha serie de acordos ratificados entre os distintos departamentos da Xunta co obxectivo de impulsar medidas de carácter integral e transversal ao abeiro do Pacto de Estado.