Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A quinta edición do 'Job Day' da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal permitirá formalizar contratacións no sector da biotecnoloxía

Dez empresas galegas e do norte de Portugal entrevistaron neste evento celebrado en varias xornadas en Vigo e Porto a 80 candidatos e recibiron 978 currículos para cubrir os seus postos de traballo vacantes

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia e a Asociación Portuguesa de Bioindustrias colaboraron neste encontro, destinado a favorecer o contacto entre empresarios e traballadores galegos e portugueses co obxectivo de fomentar a contratación transfronteiriza

O 'Job Day' está considerado un exemplo de boa práctica para a promoción do emprego

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2019.- A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) promoveu nas últimas semanas a quinta edición do Job Day, que este ano se dedicou ao sector da biotecnoloxía. Este encontro, destinado a favorecer a mobilidade laboral e fomentar a contratación de traballadores na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, contou este ano coa participación dez empresas biotecnolóxicas.

As entidades participantes tiveron a oportunidade de entrevistar a 80 candidatos galegos e portugueses nos eventos Job Day celebrados en Vigo e Porto e recibiron tamén uns 978 currículos. Unha vez rematados os procesos de selección para cubrir as súas prazas de emprego dispoñibles as empresas informarán á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dos contratos formalizados.

Nesta edición dedicada á biotecnoloxía colaboraron o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA) e a Asociación Portuguesa de Bioindustrias (P BIO). Os Jobs Days celebrados en Vigo e Porto enmárcanse na IV edición da Feira Internacional de Emprego Universitario (FINDE.U) organizada pola Universidade de Porto, en colaboración coa Universidade de Vigo e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

A feira acolleu estes encontros entre empresarios e traballadores da comunidade galega e o norte portugués no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) os pasados 22 e 23 de outubro e na Feira Internacional do Porto (Exponor) que se celebrou o martes e o mércores desta semana.

A AECT puxo en marcha os Job Days en 2014 co obxectivo de achegar a empresas e traballadores transfronteirizos de distintos sectores, unha iniciativa que se presentou en Bruxelas como un exemplo de boa práctica para a promoción do emprego.