Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

Agárdanse ventos do sur de forza oito en Lugo e mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros en toda a costa

A Xunta lembra a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2019.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o episodio adverso costeiro de nivel laranxa afectará desde hoxe á costa das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur de forza oito en Lugo e mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros en todo o litoral.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa, así como evitar aproximarse a diques, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.