Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta formará a 200 empregados públicos das súas delegacións territoriais sobre o Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe en Lugo na primeira das xornadas nas provincias

Este venres impartirase a formación nas delegacións do Goberno galego en Pontevedra e Vigo e a próxima semana continuará o mércores 13 na da Coruña e o xoves 14 na de Ourense

Esta ferramenta única e transversal permitirá reducir os prazos de resposta das solicitudes do cidadán, eliminar o papel na tramitación dos procedementos e consolidar unha administración moderna, transparente e dixital

Lugo, 5 de novembro de 2019.- A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou está mañá en Lugo na primeira das xornadas explicativas sobre o Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía (SIACI) dirixidas ao persoal das delegacións territoriais da Xunta e nas que participarán 200 empregados públicos.

A primeira xornada para coñecer o funcionamento deste sistema celebrouse hoxe na delegación do Goberno galego en Lugo, e o venres impartirase nas sedes de Pontevedra e Vigo. A próxima semana a formación continuará nas delegacións territoriais da Xunta na Coruña e Ourense, o mércores 13 e o xoves 14 respectivamente.

A Xunta organizou a semana pasada dúas xornadas similares destinadas a máis de 500 funcionarios das distintas consellerías do Goberno galego co obxectivo de aprender a manexar esta ferramenta. A formación sobre o SIACI xa se iniciara o pasado 23 de setembro coa participación de 100 empregados da Presidencia, da Vicepresidencia e das delegacións territoriais.

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa destacou que este sistema permitirá reducir os prazos de resposta, eliminar o papel na tramitación interna e consolidar unha administración moderna, transparente e dixital.

O Sistema Integrado de Atención á Cidadanía é unha ferramenta transversal única da Xunta para tramitar os procedementos para a atención á cidadanía de forma electrónica de principio a fin. Ademais, permite medir a satisfacción sobre os servizos prestados contribuíndo á súa mellora. O SIACI recolle nun único punto a xestión de tódalas queixas ou suxestións, así como as solicitudes tanto de información xeral e particulares como de acceso a información pública, que a cidadanía desexe presentar por vía electrónica, presencial ou telefónica.

A través do SIACI os cidadáns contan con distintos canles para presentar as súas solicitudes de información e as súas queixas ou suxestións; e tamén poden coñecer en que estado de tramitación se atopa o expediente da petición realizada desde un único punto a través da Carpeta do Cidadán.

A implantación desta solución tecnolóxica permitirá optimizar os prazos e formas de actuación as competencias do persoal empregado público e a xestión da administración nos procesos que cubren. Tamén detectará as posibles melloras para aplicar as modificacións que sexan necesarias no que se refire á prestación de servizos á cidadanía.