Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta contará co Monbus Obradoiro como aliado para visibilizar e contribuír a erradicar a violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia do deporte galego como ferramenta para a loita pola tolerancia, a igualdade e contra a violencia machista

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinou hoxe co presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, un convenio de patrocinio para inculcar unha educación sen discriminación entre a mocidade galega

O equipo de baloncesto compostelán colaborará co Goberno galego en sensibilizar e previr sobre esta lacra, ao igual que o Real Club Celta de Vigo, o C.D. Lugo, o C.B. Breogán e o Real Club Deportivo da Coruña

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o deporte galego é un escaparate perfecto para poñer en valor o ámbito deportivo como ferramenta de loita pola tolerancia, a igualdade e contra a violencia machista. Por iso, agradeceu a colaboración do Monbus Obradoiro coa Xunta para desenvolver medidas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinou hoxe co presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, o convenio de patrocinio a través do cal o equipo de baloncesto compostelán se compromete a participar en campañas específicas para visibilizar esta lacra. Á firma tamén asistiu a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Alfonso Rueda incidiu en que, no caso dos equipos de alta competición deportiva profesionais como o Monbus Obradoiro, o seu impacto nos medios e na sociedade contribúe a interiorizar entre os nenos e nenas e na mocidade a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

Coa sinatura hoxe do convenio de patrocinio coa Xunta, o Monbus Obradoiro únese ao equipo de baloncesto C.B. Breogán e aos clubs de fútbol Real Club Celta de Vigo e C.D. Lugo como aliado para traballar nunha educación sen discriminación entre as xeracións máis novas. O Real Club Deportivo da Coruña tamén asinará en breve o seu acordo. As campañas que leven a cabo estes clubs incluirán contidos relacionados coa loita pola tolerancia, a igualdade e a non violencia de xénero no deporte e na vida.

O vicepresidente da Xunta agradeceu o compromiso destes equipos para contribuír á erradicación da violencia machista porque a eliminación da violencia contra as mulleres esixe o compromiso de toda a sociedade e a máxima cooperación entre todas as administracións e institucións, así como a colaboración de distintos colectivos de todas as esferas da sociedade.

A secretaria xeral da Igualdade resaltou que o deporte transmite á sociedade valores moi importantes como o traballo, os esforzo, a participación en equipo o respecto aos demais ou a dedicación. Por iso, considera fundamental esta colaboración entre o Goberno galego e os clubs profesionais para educar e concienciar aos adolescentes, que en moitos casos teñen referentes e ídolos no mundo do deporte, na importancia de convivir en igualdade.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, destacou a importancia do baloncesto na sociedade, así como as múltiples posibilidades pedagóxicas e didácticas dunha disciplina deportiva que “desenvolveu ao mesmo tempo as súas vertentes masculina e feminina” e se converteu nunha das modalidades de “máxima igualdade no deporte”. O baloncesto conta en Galicia con preto de 15.000 licenzas federativas das que preto do 40% son femininas. Lete Lasa asegurou que a Xunta quere contar con este potencial e co Monbus Obradoiro, para “berrar non á violencia de xénero”.

Estes convenios de patrocinio forman parte das medidas incluídas no acordo de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e a Secretaría Xeral para o Deporte ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

En materia de deportes, a Xunta leva a cabo actividades con diferentes colectivos das federacións deportivas galegas como o colectivo arbitral e inculca aos alumnos dos centros educativos galegos valores de respecto, igualdade e prevención da violencia de xénero a través do programa Xogade.

Ademais dos clubs profesionais de fútbol e baloncesto e equipos de alto nivel, o Goberno galego tamén conta como aliados e embaixadores da igualdade entre mulleres e homes con 25 deportistas galegos de alto nivel comprometidos coa loita contra a violencia machista.

Javier Gómez Noya, Tamara Echegoyen, Cristian Toro, Teresa Portela, Ana Peleteiro ou Adrián Ben son algúns dos deportistas galegos clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020, que xunto con participantes en Xogos Olímpicos e Paralímpicos de anos anteriores contribuirán a visibilizar e erradicar a violencia de xénero.

A colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte forma parte dunha serie de convenios que a Administración autonómica xa ten asinados entre os distintos departamentos da Xunta para impulsar medidas de carácter integral e transversal co obxectivo de desenvolver o Pacto de Estado. O Goberno galego formalizou ademais acordos con distintos colectivos sociais co fin de loitar contra a violencia de xénero en todas as súas frontes.