Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta informa aos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Miño da tramitación para o sostemento común dun posto de tesourería

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión cos alcaldes destes catro municipios da Coruña

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2019.- A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe cos alcaldes dos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Miño para informarlles dos trámites necesarios para o sostemento en común dun posto de tesourería.

Os concellos poden constituír voluntariamente unha agrupación para a creación deste posto, co que darían cumprimento á previsión de reservar os postos de Tesourería dos municipios de máis de 5.000 habitantes a funcionarios da Administración local de carácter nacional.

A agrupación para manter o posto de tesourería suporía unha menor carga económica para estes catro concellos que, ademais, comparten características comúns desde o punto de vista administrativo, o que facilitaría a cobertura deste posto por medio desta fórmula de cooperación.

Esta reunión de traballo e informativa para prestar asesoramento no proceso de agrupación voluntaria dos concellos forma parte do esforzo global que está a facer a Xunta para colaborar coas entidades locais na cobertura de postos que precisan de habilitación nacional. Neste sentido, cómpre destacar tamén a posta en marcha por primeira vez o ano pasado de bolsas de traballo para cubrir as prazas de secretarios, interventores e tesoureiros. Con este sistema, facilítase a cobertura destes postos e libérase ás entidades locais do custo económico dun proceso selectivo.