Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta incorpora dende mañá unha traballadora social á Oficina de Atención ás Vítimas dos xulgados de Ourense

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, lembrou que esta medida avanza no protocolo de actuación para ofrecer unha asistencia integral e especializada

A sala Gesell de Ourense,que xa leva funcionando dous anos no edificio xudicial de Ourense, é outra das medidas contempladas para protexer ás vítimas

Ourense, 7 de novembro de 2019.- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza incorpora dende mañá unha traballadora social á Oficina de Atención ás Vítimas dos xulgados de Ourense, que vén a sumarse ao profesional da psicoloxía que xa presta servizo na actualidade na Fiscalía.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, explicou que se avanza deste xeito no protocolo de actuación para ofrecer unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas dun delito durante o proceso xudicial, especialmente aos menores de idade e ás vítimas máis vulnerables.

A Xunta e a Fiscalía seguen dando pasos para consolidar o modelo de atención asistencial desde as Oficinas de Atención ás Vítimas, que abarca a intervención psicolóxica, cunha avaliación individualizada do caso, e a aplicación de medidas de protección da vítima durante o proceso.

Neste sentido, Díaz Mouteira subliñou que o edificio xudicial de Ourense conta coa primeira sala Gesell de Galicia especialmente acondicionada para evitar a vitimización secundaria e evitar momentos traumáticos ás testemuñas menores de idade e doutras persoas especialmente vulnerables, e así garantir a súa declaración en condicións de protección e privacidade.