Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta forma aos empregados públicos da delegación da Coruña no funcionamento do sistema electrónico de atención á cidadanía

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe na formación, que finalizará mañá na sede do Goberno galego en Ourense

A implantación desta solución tecnoloxía na Administración autonómica permitirá unificar os mecanismos para a atención á cidadanía desde un único punto co obxectivo de simplificar os procedementos, optimizar a xestión das tarefas e reducir os prazos de resposta

A Coruña, 13 de novembro de 2019.- A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe na delegación territorial da Xunta na Coruña nunha xornada explicativa sobre o Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía (SIACI). A xornada inclúese no marco da formación dirixida a máis de 200 funcionarios das delegacións do Goberno galego que xa se levaron a cabo en Lugo, Pontevedra e Vigo. Mañá celebrarase a última xornada na sede da Xunta en Ourense.
A formación sobre este sistema de tramitación electrónica xa comezou o pasado setembro coa participación de 100 empregados da Presidencia, da Vicepresidencia e das delegacións territoriais, aos que se sumaron outros 500 de distintas consellerías do Goberno galego na última semana de outubro.
Esta ferramenta electrónica transversal e única permitirá, desde un único punto, dar resposta ás queixas e suxestións, así como ás solicitudes de información xeral e particular e de acceso á información pública. O servizo xa empezou a funcionar o mes pasado e está previsto que estea operativo en toda a Administración autonómica no primeiro trimestre de 2020 para que poida ser empregado por todo o sector público da comunidade, tanto nos servizos centrais, como territoriais ou entidades instrumentais.
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa destacou que co SIACI toda a tramitación é de forma electrónica, o que contribúe a eliminar o papel e consolidar unha administración moderna, transparente e áxil. Nesta liña, incidiu en que a implantación desta solución tecnolóxica unificará os mecanismos da Administración para atención á cidadanía, garantindo a ordenación e a simplificación dos procedementos, ao mesmo tempo que se optimizan a xestión de tarefas e se reducen os prazos de resposta.
Ao tratarse dun sistema multicanle, os cidadáns poderán presentar as súas solicitudes de información e as súas queixas e suxestións á Administración autonómica a través da sede electrónica da Xunta, de forma presencial nas Oficinas de Atención á cidadanía ou rexistro ou no teléfono 012. Ademais, os usuarios terán a posibilidade de coñecer o estado das súas solicitudes a través da Carpeta do cidadán.
O SIACI permite medir a satisfacción sobre os servizos prestados, o que permite detectar as posibles melloras para aplicar as modificacións que sexan necesarias no que se refire á prestación de servizos á cidadanía.