Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O Concello de Rodeiro recibiu este ano 51.100 euros para actuacións ao abeiro das axudas da Xunta do Fondo de Compensación Ambiental

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe o municipio para comprobar a evolución dos traballos

O Goberno galego destinou ao concello nos últimos anos máis de 668.700 euros a través das distintas liñas de subvencións da Vicepresidencia

Rodeiro (Pontevedra), 14 de novembro de 2019.- A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, visitou hoxe o concello para coñecer de primeira man as actuacións realizadas ao abeiro da liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, da que este ano o municipio recibiu 51.100 euros.

No marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, o Goberno galego financiou este ano con 51.100 euros distintos gastos en investimentos e de funcionamento. Os custos por investimentos teñen como obxectivo a mellora enerxética na instalación da climatización e ventilación do local dedicado ao salón de actos do concello no Centro Cultural Manuel Lamazares; así como a adecuación do sistema de abastecemento de auga. En canto aos gastos de funcionamento, destináronse á xestión e tratamento de residuos que leva a cabo o servizo municipal de recollida de lixo.

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que con estas axudas os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns. O Concello de Rodeiro ten recibido nos últimos anos máis de 668.700 euros das distintas subvencións convocadas pola Vicepresidencia da Xunta.