Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destina 35.000 euros á adquisición dun vehículo para as labores ambientais da Policía Local do concello de O Rosal

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o concello co delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís

Marta Fernández-Tapias destacou a importancia destas colaboracións que vén mantendo a Xunta cos concellos, sobre todo nos máis pequenos, para axudarlles a acometer actuacións que redunden en beneficio dos veciños

O Rosal (Pontevedra), 18 de novembro de 2019.- A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o concello de O Rosal, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a súa alcaldesa Ánxela Fernández. Durante esta visita participou no acto de entrega dun vehículo para o corpo de Policía Local do municipio que se destinará a labores ambientais e que foi adquirido a través dun convenio entre a Xunta e o concello.

O acordo recolle un investimento de 35.000 euros aportados polo Goberno galego para a compra dun vehículo que permita reforzar as tarefas de protección ambiental que realiza a policía local, tales como control de verteduras, permiso de queimas, ou vixilancia de mananciais das traídas de augas. Ata agora, o corpo de Policía Local contaba cun só vehículo dedicado aos labores ordinarios dos axentes, que non permite circular por camiños rurais ou pistas forestais, o que impide realizar a vixilancia ambiental.

Marta Fernández-Tapias destacou a importancia destas colaboracións que vén mantendo a Xunta cos concellos, sobre todo nos máis pequenos, para axudarlles a acometer actuacións que redunden en beneficio dos veciños. O Goberno galego apoia así a que poidan prestar servizos de calidade e no caso deste convenio a garantir a protección ambiental e mellorar a atención ás emerxencias.