Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta traslada á embaixada de Corea do Sur en España as medidas para garantir a seguridade dos peregrinos no Camiño de Santiago

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado polo comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, reuniuse hoxe co cónsul agregado de Policía da embaixada de Corea do Sur en España, Seung Chul Kim

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe ao cónsul agregado de Policía da embaixada de Corea do Sur en España, Seung Chul Kim. No encontro, ao que tamén asistiu o comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, abordáronse as actuacións da Xunta para velar pola seguridade dos peregrinos nas distintas rutas do Camiño de Santiago, en particular a procedente de Corea do Sur.

Segundo os datos da Oficina do Peregrino, Corea do Sur achegou até outubro máis de 7.000 peregrinos, o que a sitúa como a sétima nacionalidade estranxeira máis habitual nos itinerarios xacobeos e a primeira en toda Asia. Por iso, as autoridades da embaixada coreana amosaron o interese por coñecer as medidas que a Administración autonómica leva a cabo para garantir a seguridade dos peregrinos. Trátase dun aspecto tido moi en conta no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta coa que a Xunta está a planificar o próximo Ano Santo.

Nesta liña, patrullas da Policía Autonómica desprázanse cada día aos arredores das distintas rutas do Camiño nas catro provincias, para realizar tarefas de vixilancia e de asistencia; así como de protección de medio ambiente e do patrimonio.

Ademais, o Goberno galego promove actuacións adicionais de apoio e seguridade, a través da sinatura de convenios de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos do Camiño para que presten apoio e axuda aos peregrinos. Os voluntarios ofrecen atención ás posibles incidencias no Camiño no seu termo municipal e nos concellos limítrofes e traballan en coordinación co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, ao que informan da súa actividade.