Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta participa na reunión da mesa local de coordinación contra a violencia de xénero no concello de Outeiro de Rei

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, indicou a importancia da coordinación no ámbito municipal con medidas que incrementen a cooperación institucional na loita para a prevención e a erradicación desta lacra

Levouse a cabo o análise dos protocolos de actuación e informouse das actuacións realizadas para facilitar os desprazamentos e aloxamentos das vítimas da violencia de xénero que o precisen

Outeiro de Rei (Lugo), 10 de decembro de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á reunión da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero no concello de Outeiro de Rei, onde se levou a cabo o análise dos protocolos de actuación e informouse das actuacións levadas a cabo para facilitar os desprazamentos e aloxamentos das vítimas da violencia de xénero que o precisen.

López Abella destacou que o obxectivo principal destas Mesas é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero que permitan unha maior eficacia e coordinación de todos os axentes implicados na loita contra esta lacra, e que incrementen a cooperación institucional neste ámbito entre a Administración autonómica e os concellos.

A loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero é competencia dos poderes públicos, que teñen a obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático

Por iso, a secretaria xeral da Igualdade explicou que resulta fundamental coordinar todos os recursos dispoñibles para garantir unha mellor atención e sensibilizar a toda a sociedade na prevención da violencia de xénero, así como na loita para erradicar esta lacra.

No que se refire aos seus obxectivos específicos, as Mesas Locais de Coordinación perseguen a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.