Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O 112 Galicia xestionou unha media de 630 incidencias diarias en 2019

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentou, xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, o balance de actividade do 112 Galicia, que finalizou o pasado exercicio con 230.000 incidencias xestionadas

Villanueva indicou que o número de chamadas atendidas continúa a tendencia á baixa dos últimos anos, o que significa que os cidadáns empregan o servizo de forma cada vez máis responsable

Así, as chamadas de emerxencia estiveron relacionadas maioritariamente con prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, así como coa solicitude de asistencia sanitaria, seguridade cidadá e accidentes

Igualmente, sinalou que o número de avisos recibidos no 112 Galicia por niños de avespas velutinas descendeu case un 40 por cento con respecto ao ano anterior, pero segue a ser necesaria a colaboración cidadá en canto á identificación dos casos urxentes
 

A Estrada (Pontevedra), 14 de febreiro de 2020.- O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, presentou, xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, o balance de actividade do 112 Galicia, que finalizou o 2019 con 230.000 incidencias xestionadas, o que supón unha media diaria de 630 intervencións dos servizos de emerxencias.

Un total de incidencias, segundo explicou Villanueva, lixeiramente superior ao ano anterior, cando se contabilizaron máis de 228.000 incidencias.

Con respecto á cantidade de chamadas atendidas, o responsable do departamento autonómico confirmou que continúa a tendencia á baixa dos últimos anos, o que ratifica o comportamento cada vez máis responsable da cidadanía en relación ao uso do número único de atención ás chamadas de emerxencia.

Así, en 2019, atendéronse 950.000 chamadas, o que supón un 1 por cento menos que en 2018 e un 13 por cento menos que en 2016, cando se superou o millón de comunicacións no 112 Galicia.

Esta baixada progresiva, afirmou Santiago Villanueva, ten bastante que ver co importante labor en materia de prevención e concienciación sobre a redución de riscos e o uso axeitado dos servizos de emerxencias que se está a realizar desde diferentes eidos, como son os simulacros –colaboramos en 249- ou o traballo divulgativo desde a web e os perfís do 112 Galicia en Redes Sociais.

Neste senso, o director xeral destacou que o perfil do servizo está a piques de alcanzar os 10.000 seguidores en Facebook e supera os 8.500 en Twitter. A través destas canles, o servizo difundiu máis de 2.700 consellos de auto protección e informacións sobre fenómenos meteorolóxicos adversos e os sucesos máis importantes da xornada. Na web tamén se poden atopar contidos semellantes, de feito, rexistrou 1,5 millón de consultas en 2019.

Igualmente, valorou as visitas organizadas ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) e ao hangar do Grupo de Apoio Loxístico (GALI), pois preto de 600 persoas pasaron por estas instalacións en 2019 co fin de saber máis e coñecer mellor este servizo.

Por provincias e tipoloxías

Por outra banda, Villanueva recordou que seguen a ser as provincias atlánticas as que aglutinan o groso das incidencias xestionadas, concretamente contabilizáronse máis de 88.000 na Coruña e 84.000 en Pontevedra, mentres que en Ourense e Lugo sumaron 30.000 e 27.000, respectivamente.

En canto á tipoloxía das incidencias, o director xeral de Emerxencias e Interior comentou que de forma maioritaria as intervencións xestionadas desde o 112 Galicia estiveron relacionas coa prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, así como coas solicitudes de asistencia médica, seguida do requirimentos das forzas da orde e os accidentes de tráfico, labores e ferroviarios.

Para facer fronte a estas situacións, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos recursos de emerxencias en 445.000 ocasións. En 2019, foron os servizos sanitarios de urxencia e os axentes de Policía Local os grupos máis demandados, seguidos da Garda Civil de Tráfico, voluntarios de Protección Civil e bombeiros.

Máis de 20 avisos ao día por niños de velutinas

Nos grupos por tipoloxías tamén destacan os avisos por animais soltos, feridos, falecidos e a formación de enxames de avespas velutinas. Sobre isto, Villanueva concretou que, se ben esta cifra ten diminuído considerablemente con respecto ao ano 2018, case un 40 por cento, segue a ser esencial a colaboración cidadá para detectar os casos urxentes.

Neste sentido, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, insistiu en que para informar da presenza de niños de velutinas os cidadáns teñen á súa disposición o teléfono de información da Xunta de Galicia 012, salvo en casos nos que a localización do niño supoña un risco para as persoas que poden utilizar o 112.

Araújo lembrou que os lugares de risco considéranse aqueles de pública concorrencia, como os centros de saúde, colexios, garderías, edificios administrativos... tamén espazos públicos, prazas, parques, etc.