Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O Monbus disputa este sábado un partido dedicado á Ruta Xacobea no marco da iniciativa apoiada pola Xunta 'O Camiño acaba en Obradoiro'

O partido da Liga Endesa ACB Monbus Obradoiro e Acunsa Guipúzoca Basket estará dedicado ao Camiño de Santiago e a próxima celebración do Xacobeo 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da iniciativa, destacando o seu valor promocional e a súa trascendencia mediática

O partido encádrase na sexta edición de 'O Camiño acaba en Obradoiro', que conta co patrocinio da Xunta

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020.- Camiño de Santiago e deporte de elite déronse esta mañá a man na presentación dunha das accións promocionais encadradas na VI edición de O Camiño acaba en Obradoiro: a celebración do partido dedicado á Ruta Xacobea que terá lugar este sábado entre o Monbus Obradoiro e o Acunsa Guipúzcoa Basket dentro da Liga Endesa.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto acompañada do director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, e o adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández. “Desde a Xunta apoiamos iniciativas como esta do Camiño acaba en Obradoiro, na que se fusionan Camiño e deporte, que comparten valores como a superación ou a solidariedade”, explicou Nava Castro, quen destacou a calidade dos xogadores que participan nunha iniciativa na que a Xunta leva colaborando desde a primeira edición.

Castro valorou especialmente tanto a transcendencia mediática que acada o programa como a orixinalidade dunha acción na que participaron xogadores como Terry Porter, Juan Antonio Corbalán, Nikos Galis, Alexander Petrovic ou Amaia Valdemoro, que o ano pasado percorría a Vía da Prata.

Promoción no Camiño

Nesta edición o itinerario escollido foi o Camiño do Inverno e o xogador, José Manuel Calderón, que percorreu en verán algunhas das etapas desta ruta. A través da colaboración coa Xunta de Galicia leváronse a cabo numerosas accións entre as que se encadra o partido deste sábado, ademais dun documental que recollerá toda a experiencia desta edición e que se presentará cando as condicións sanitarias así o permitan.

No marco deste patrocinio coa Xunta tamén se fixeron unha serie de accións de promoción no camiño e noutros puntos da xeografía nacional para dar a coñecer a Ruta Xacobea e o Xacobeo 2021 como foron a realización de vídeos #obrahospitaleiros - personaxes famosas animando ao convidado a completar o desafío e facendo a promoción do Camiño-, publicidade en autobuses de Madrid e Barcelona ou mercadotecnia.