Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca a implicación dos concellos no Xacobeo 2021 con proxectos de dinamización para promocionar o Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á presentación do proxecto 'Vieiras na Vía da Prata' da agrupación dos concellos de Cualedro, Laza, Monterrei e Vilardevós, que conta co apoio da Xunta no marco do programa O teu Xacobeo

Alfonso Rueda destacou o traballo da Xunta para adaptar o Xacobeo á crise sanitaria con actos máis pequenos e descentralizados por tódolos concellos galegos e no Plan de reactivación do sector cultural e turístico
 

Monterrei (Ourense), 16 de outubro de 2020.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a implicación dos concellos no Xacobeo 2021 coa posta en marcha de proxectos de dinamización cos que potenciar a marca Galicia e o Camiño de Santiago.

Así o explicou esta mañá na presentación do proxecto Vieiras na Vía da Prata da agrupación dos concellos de Cualedro, Laza, Monterrei e Vilardevós, á que tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Esta iniciativa recibiu este ano o apoio da Xunta, no marco das subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa “O teu Xacobeo”.

Alfonso Rueda incidiu na necesidade da participación das entidades locais neste Xacobeo, tendo en conta que este ano, debido á crise sanitaria da covid-19, a Xunta adaptará a programación con propostas descentralizadas por toda a xeografía galega, en especial nos pequenos concellos, con centos de pequenos actos. “Temos que apostar por proxectos máis pequenos e pegados ao terreo e igual de atractivos coma este”, indicou.

A iniciativa “Vieiras na Vía da Prata” ten como protagonista a cuncha de vieira, considerado un dos símbolos máis representativos do Camiño de Santiago. O proxecto basease na colocación de representacións de cunchas de vieira realizadas por distintos artistas en varios puntos das rutas dos Camiños de Santiago. Inclúese nas subvencións aos proxectos de dinamización do Xacobeo 2021 dirixidas ás entidades locais e tamén a entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro e a pequenas e medianas empresas.

O vicepresidente primeiro da Xunta explicou que xunto coa adaptación do Xacobeo 2021 ás circunstancias da pandemia, a Xunta tamén traballa no Plan de reactivación do sector cultural e turístico, dotado con 58 millóns de euros, e no que se inclúe o programa Galicia Destino Seguro, que conta cun investimento de 8 millóns de euros. Por iso, lembrou que a imaxe que da Galicia é a “dun destino seguro” ao que se pode viaxar sen masificacións, un modelo turístico que coa adaptación do Xacobeo suporá “unha combinación perfecta e unha oportunidade para a que hai que estar preparados e non se pode desaproveitar”.

Rehabilitación do Centro Interpretación do Viño en Monterrei

Por outra parte, Alfonso Rueda asinou co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez Martínez, un convenio de colaboración para rehabilitar unha edificación anexa ao castelo de Monterrei que xa se reformara en 2016 para crear un centro de interpretación do viño. A través deste acordo, a Xunta destinará 64.000 euros para mellorar a impermeabilización do inmoble e dotalo de instalacións adecuadas para a conservación dos produtos que permitan levar a cabo catas de viño e maridaxes con produtos da gastronomía da comarca.