Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo unha reunión coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos

A Xunta traslada ao Concello de Moaña os avances na tramitación que permitirán executar o vindeiro ano a eliminación do treito de concentración de accidentes en Domaio

A Consellería de Infraestruturas convocou o 17 de decembro o acto expropiatorio para a mellora de seguridade na estrada PO-551 ao seu paso por esta parroquia

Prevese a licitación desta intervención entre finais deste ano e principios do próximo exercicio, cun investimento autonómico de 580.000 euros

A Xunta tamén está a supervisar o proxecto de eliminación doutro tramo de concentración de accidentes en Tirán para aprobalo e comezar as expropiacións

O Goberno galego acometerá o mantemento dos taludes na estrada PO-551, no marco do contrato de inspección de muros e taludes que se vai pór en marcha

A Xunta segue traballando a prol da seguridade viaria e da mobilidade nesta comarca, obxectivos reforzados coa autovía do Morrazo, cun investimento de 55 M€

Respecto ao centro de saúde, a delegada territorial lembroulle á alcaldesa que, para avanzar neste proxecto, é necesaria a cesión dos terreos no que se asentará

Vigo, 19 de novembro de 2020.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou hoxe coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, os avances para executar o vindeiro ano a eliminación do treito de concentración de accidentes en Domaio.

A Xunta vén de convocar o 17 de decembro o acto expropiatorio para executar estas obras de seguridade viaria na estrada PO-551, que se licitarán entre finais deste ano e principios do próximo, cun investimento autonómico de 580.000 euros.

No encontro tamén se abordaron outras actuacións previstas no municipio en materia de seguridade viaria, como a supresión doutro tramo de concentración de accidentes en Tirán, para o que a Xunta xa está a supervisar o proxecto coa fin de aprobalo e comezar o proceso expropiatorio.

O Goberno galego tamén continúa traballando para impulsar unha nova senda peonil na estrada PO-551, entre A Moureira e Palmás. O director explicoulle á rexedora que o investimento do itinerario ascende a 1,7 millóns de euros, ao incorporar as achegas da información pública e prever a ampliación da estrada. Dadas estas características, o proxecto non encaixa no programa de fondos europeos Feder, pero o director indicou que se estudará o financiamento a través doutros mecanismos como o Fondo de Recuperación e Resiliencia.

Ademais os representantes autonómicos trasladáronlle ao Concello de Moaña que a Xunta programará proximamente medidas de mantemento de noiros na estrada PO-551, no marco do contrato de inspección de muros e noiros que se vai pór en marcha.

Na reunión tamén abordaron outras cuestións relacionadas coa explotación e conservación da rede de estradas, especialmente relacionadas coa drenaxe e a escorrenta, nas que se acordou seguir traballando de modo coordinado, ademais da posible cesión para uso municipal do solo baixo o viaduto de Ameixoada, para o cal se está a estudar a figura xurídica máis axeitada.

A Xunta continúa traballando a prol da mellora da seguridade viaria e da mobilidade nesta bisbarra, obxectivos que se viron reforzados coa posta en funcionamento da autovía do Morrazo, que supuxo a mobilización dun investimento autonómico de 55 millóns de euros.

Ademais das infraestruturas e as melloras en materia de seguridade viaria, na reunión desta mañá entre a delegada territorial da Xunta en Vigo e a alcaldesa de Moaña tamén se abordaron outros temas relacionados coa Administración galega e que son prioritarios para este concello en materia de educación, saneamento ou sanidade, entre outros. Así, durante a xuntanza, na que tamén estiveron presentes outros membros da Corporación local, fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades desta localidade que dependen da Xunta de Galicia.

Concretamente, en materia sanitaria, respecto ao centro de saúde de Moaña, a representante autonómica lembrou que para avanzar neste proxecto é necesaria a cesión previa dos terreos no que se asentará. Segundo afirmou Fernández-Tapias, quen reiterou o compromiso da Consellería de Sanidade con esta infraestrutura, trátase dunha condición ineludible para poder executar a obra. Non obstante, informou que o Goberno galego segue avanzando na tramitación ordinaria deste proxecto.

A reunión celebrada hoxe entre a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, enmárcanse nas visitas institucionais que está a realizar tras tomar posesión como nova representante do Goberno autonómico na área.