Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta financia con 50.000 euros o pavimentado de vías municipais entre núcleos rurais de Castroverde e Castro de Rei

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o Goberno galego achega preto do 50% do orzamento das obras, consistentes na extensión de rego asfáltico e limpeza de cunetas

Castro de Rei (Lugo), 20 de novembro de 2020.- A Xunta de Galicia impulsou a mellora das vías municipais que unen os núcleos da Meda, no concello de Castroverde, e Orizón, no de Castro de Rei, proxecto que cofinanciou con 50.000 euros ao abeiro dun programa de axudas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a zona acompañado polos alcaldes de Castroverde, José María Arias, e Castro de Rei, Francisco Balado. Explicou que, ao tratarse dunha iniciativa conxunta entre ambos concellos, as obras recibiron a contía máxima prevista na convocatoria de apoios para a creación ou mellora de infraestruturas ou dotacións municipais. A achega do Goberno galego representa practicamente o 50% do orzamento investido (105.668 euros).

A actuación, recentemente rematada, consistiu na pavimentación de preto de 3 quilómetros de vías, o 65% deles situados no termo de Castroverde. Entre os traballos realizados figuran a limpeza de foxos, aplicación de base de macadam e acabado con triple rega asfáltica. Tamén se procedeu á limpeza das cunetas para facilitar a evacuación das augas de escorrentía superficial fóra da plataforma da vía.

O delegado subliñou “a mellora nas condicións de uso da estrada, tanto para os vehículos en xeral como para a maquinaria agrícola”. Neste sentido, apuntou que ademais de conectar os dous núcleos rurais -que suman arredor de 150 habitantes- a vía da acceso a numerosas parcelas agrarias que conforman a base da economía local.

Na mesma liña, Arias afirmou que este programa do Goberno autonómico pretende colaborar na mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais, proporcionándolles infraestruturas ou servizos acorde coas súas necesidades, que faciliten a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación.