Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta aposta pola colaboración cos concellos para poñer en marcha os dous novos GES aprobados para a provincia de Ourense

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicaron hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a posta en funcionamento dos Grupos de Emerxencias Municipal de A Veiga e Maceda

A Xunta aprobou coas deputacións provinciais e a FEGAMP a posta en marcha de seis novos grupos: os dous de Ourense, tres en Pontevedra e un servizo municipal no concello coruñés de Noia

A directora xeral de Administración Local destaca que os novos grupos permitirán mellorar e completar o mapa de emerxencias de Galicia
 

Ourense, 21 de xaneiro de 2021.- A Xunta aposta pola colaboración cos concellos para poñer en funcionamento os dous novos Grupos de Emerxencias Municipal (GES) da provincia de Ourense, aprobados o pasado novembro pola Comisión de Seguimento dos GES, da que forman parte o Goberno galego, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Así o sinalou hoxe a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; que participou xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; nunha reunión sobre a posta en marcha dos dous novos GES da provincia. Tamén participaron por videoconferencia o vicepresidente da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, e os alcaldes de Maceda, Rubén Quintas e A Veiga,Juan Anta, os dous municipios que acollerán as sedes dos novos GES.

O novo mapa de emerxencias para garantir unha maior e mellor cobertura en Galicia en situacións de emerxencia inclúe 5 novos GES na comunidade galega -os dous de Ourense máis outros 3 en Pontevedra- e un servizo municipal no concello coruñés de Noia, o que supón que a comunidade conte cun total de 29 GES e 4 servizos municipais.

A directora xeral de Administración Local explicou que para que os novos grupos poidan funcionar o antes posible, os concellos que serán sede dos novos GES deberán adherirse ao convenio de colaboración que se asinará entre a Xunta, as deputacións e a FEGAMP e, de ser necesario, impulsar os procesos de selección para contratar os novos efectivos, que rematarán coa formación impartida na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Para a proposta de localización dos novos grupos cos que mellorar e completar o mapa de emerxencias de Galicia, a Xunta tivo en conta criterios técnicos para dar resposta á poboación da zona tendo en conta a situación de cada provincia, os GES non operativos trala renuncia dos concellos sede e as zonas sombra existentes logo de analizar as isócronas de cada servizo.

No caso da provincia de Ourense, o GES con sede en Maceda permitirá mellorar os tempos de reposta aos municipios de Maceda, Xunqueira de Espadañedo e Baños de Molgas e, ao mesmo tempo, atender aos concellos de Esgos, Paderne de Allariz e Vilar de Barrio, que ata agora dependían do GES de Pereiro de Aguiar. Ademais dos municipios anteriores, o GES de Maceda tamén atenderá as incidencias en Xunqueira de Ambía.

En canto ao GES con sede en A Veiga, que inclúe tamén aos municipios de O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, permitirá que varios destes concellos sen servizos de emerxencias a menos de 20 minutos, agora dispoñan del.

Xunto coa creación dos GES con sede e Maceda na provincia de Ourense, a Comisión de Seguimento aprobou crear outros 3 na provincia de Pontevedra e o servizo municipal no concello coruñés de Noia. En Pontevedra Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente serán atendidos polo novo GES da Cañiza; Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas, por outro con sede en A Lama; e Mos, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior, polo GES Mos/Redondela, cunha base en cada un dos dous municipios.

A creación destes 6 novos grupos suporá un incremento do investimento por parte da Xunta duns 300.000 euros ata os 4,8 millóns de euros, máis da metade do custo anual dos GES.