Estás en: Portada / Organización / Direccións Xerais / Dirección Xeral de Xustiza / Xustiza e cidadanía / Participación no Tribunal do Xurado / Deliberación, lectura do veredicto e finalización do xuízo

Deliberación, lectura do veredicto e finalización do xuízo

Deliberación

Na deliberación os xurados debaten as distintas opinións ou puntos de vista sobre os feitos narrados pola persoa que actúa como maxistrado-presidente no escrito que contén o obxecto do veredicto, con vistas a dilucidar se os feitos que se describen están probados ou non, declarándose os feitos probados ou non probados por votación.

O maxistrado-presidente non estará presente na deliberación, deliberarán só os xurados. Sen embargo, o maxistrado-presidente, antes de comezar a deliberación, dará instrucións aos xurados sobre as regras que rexen a deliberación e a votación.

A deliberación réxese polas seguintes regras:

  • Ten lugar a porta pechada, co que deben permanecer incomunicados os xurados ata que emitan o seu veredicto.
  • A deliberación é secreta, ningún dos xurados pode revelar o que nela se teña manifestado.
  • O Xurado debe elixir un portavoz, sendo presidido ata ese momento pola persoa que tivese sido elixida como xurado en primeiro lugar, no sorteo realizado antes de iniciarse a celebración do xuízo.

Lectura do veredicto

Estendida a acta, os xurados faranllo saber ao maxistrado-presidente, entregándolle unha copia.

Por último, o voceiro do Xurado lerá en audiencia pública o veredicto contido na devandita acta, cesando a continuación o Xurado nas súas funcións.

Finalización do xuízo

Terminado o xuízo, o maxistrado presidente redactará por escrito o obxecto do veredicto, é dicir, narrará en parágrafos separados e numerados os feitos alegados polas partes (Ministerio Fiscal e avogados) e que o Xurado deberá declarar probados ou non.

Unha vez redactado o escrito co obxecto do veredicto, o maxistrado-presidente fará entrega do mesmo ao Xurado, que se retirará a deliberar á sala destinada a tal fin.