A Xunta de Galicia considerou necesario dar un impulso democrático ao país, no que a cidadanía fose a protagonista mediante unha meirande participación nos asuntos públicos. Para a consecución deste obxectivo, cómpre unha maior transparencia da actividade das Administracións públicas que posibilite a achega de información á cidadanía.
O goberno galego, no seu obxectivo de promover a máxima transparencia da xestión pública, puxo en marcha o “Programa de impulso democrático da Xunta de Galicia 2015-2016” cun cuádruplo alcance:
Se ben no ordenamento xurídico galego xa existían normas sectoriais que contiñan obrigas concretas de publicidade activa, por exemplo, en materia de contratación, subvencións, orzamentos ou actividades de altos cargos, o presente programa supuxo un importante avance na materia con respecto á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración, e, ao mesmo tempo, tivo en conta o novo marco normativo que establece a Lei do Estado 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
O 4 de febreiro de 2015 a Xunta de Galicia abriu un espazo co obxecto que a cidadanía puidese participar na elaboración da Lei de transparencia e bo goberno, mediante a presentación das propostas e suxestións que consideraren oportunas. O prazo para a presentación destas finalizou o 4 de marzo de 2015.
Na elaboración do anteproxecto de lei tivéronse en conta as achegas realizadas na primeira fase. Posteriormente, o 25 de marzo de 2015, abriuse unha segunda fase na que se puxo a disposición da cidadanía o texto elaborado para ser sometido novamente á súa participación. O prazo de presentación de achegas e suxestións rematou o18 de abril de 2015.