Indemnización de testemuñas

Indemnización de testemuñas no proceso civil

O artigo 292 establece a obriga de comparecer no xuízo ou vista cando se é chamado polo xulgado para declarar como testemuña, baixo apercibimento, logo de audiencia por 5 días, de multa de 180 a 600 euros.

A lei tamén prevé a indemnización ás testemuñas citadas que comparezan ante o tribunal, de xeito que terán dereito a obter da parte que lles propuxo, unha indemnización polos gastos e prexuízos que a súa comparecencia lles ocasionara, sen prexuízo do que se acorde en materia de custas.

Isto é:

  • en primeiro lugar, correspóndelle o pagamento da indemnización ao propoñente da testemuña. Se varias partes propuxeran unha mesma testemuña, o importe da indemnización prorratearase entre elas.
  • posteriormente, se hai condena en custas, poderá esixirse do condenado o importe da indemnización satisfeita.
  • cando a testemuña sexa proposta polo Ministerio Fiscal ou se o propoñente ten recoñecido o beneficio de asistencia xurídica gratuíta, o pagamento da indemnización corresponderalle á Administración, sempre e cando non exista condena en custas á parte condenada.

O importe da indemnización fixarao o secretario xudicial mediante decreto unha vez finalizado o xuízo ou a vista, e atendendo aos datos e circunstancias que se acheguen.

Se a parte ou partes que deban pagar a dita indemnización non o fixesen no prazo de 10 días desde a firmeza do decreto, a testemuña poderá acudir directamente ao procedemento de apremio fronte ao obrigado ao pagamento.

Indemnización de testemuñas no proceso penal

O artigo 722 da LACrim prevé que as testemuñas que comparezan para declarar ante o tribunal terán dereito a unha indemnización, se a reclamasen.

O secretario xudicial fixará a indemnización que lle corresponda á testemuña mediante decreto, tendo en conta unicamente os gastos de viaxe e o importe dos salarios perdidos pola testemuña por mor da súa comparecencia.

Se ten dereito, polo tanto, cando sexa o xuíz o que acorde de oficio o chamamento, ou ben cando sexa o fiscal o que o propoña, sempre e cando se cumpran as seguintes condicións:

  • Cando se declare a insolvencia do condenado en custas.
  • Cando as custas sexan declaradas de oficio (inclúense as custas xeradas no procedemento penal cando se dite resolución de arquivo das actuacións sen pronunciamento expreso das custas).

Por outra banda, cómpre salientar que no caso de que o chamamento se produza por solicitude da parte acusadora ou da parte defensora, lle corresponderá á parte condenada en custas o pagamento da indemnización; no caso de non existir condena en custas, correspóndelle o pagamento á parte propoñente. A Administración asumirá este pagamento no caso de que a parte obrigada ao pago teña recoñecido o dereito de asistencia xurídica gratuíta ou sexa declarada insolvente.

Documentos que deben achegarse para obter a indemnización por acudir como testemuña nos procesos penais

É preciso cumprimentar o formulario de “conta de peritos e testemuñas” que facilitarán os órganos xudiciais, no que deberán constar os datos persoais da testemuña, conta bancaria e os conceptos polos que se reclama. O secretario xudicial do xulgado ante o que se compareceu asinará o dito formulario certificando así a intervención da testemuña coa indicación dos datos relativos ao procedemento.

Xunto co devandito formulario, debidamente cumprimentado, a testemuña deberá achegar a seguinte documentación:

En concepto de gastos de viaxe:

  • Billetes correspondentes ao medio de transporte público utilizado.
  • No caso de utilización de vehículo particular, indicación da matrícula e os xustificantes dos peaxes de autopista, no seu caso.
  • Só excepcionalmente abonaranse viaxes en ambulancia ou taxi, sendo preciso para isto achegar o correspondente certificado médico que xustifique a necesidade de utilización dese medio de transporte.
  • En concepto de ingresos deixados de percibir: documentación acreditativa deste extremo (copia compulsada do pagamento fraccionado do IRPF n ocaso dos traballadores por conta allea; certificado da sociedade no caso dos traballadores membros de cooperativas laborais, etc).

Toda esta documentación se presentará no órgano xudicial, o cal a tramitará ante o departamento territorial da Consellería competente en materia de Xustiza.

Indemnizacións para persoas acompañantes das testemuñas

Só caberá indemnización, polos conceptos indicados nos apartados anteriores,á persoa acompañante das testemuñas nos seguintes supostos:

  • Cando a testemuña sexa menor de idade
  • Cando a testemuña estea incapacitada e requira axuda par ao seu traslado e así o xustifique. 

Documentos relacionados

  • Formulario de conta de peritos e testemuñas