Nunha emerxencia

Que facer en caso de emerxencia?

As emerxencias son situacións de perigo que se producen cando un risco se materializa.

Nunha situación deste tipo a información é un aspecto indispensable e é especialmente importante coñecer como actuar para evitar a improvisación.

Nos enlaces pódese consultar como se debe actuar ante os distintos tipos de emerxencia que poderían producirse en Galicia. Ademais dos consellos específicos para cada caso, indícanse tamén algunhas normas xerais de actuación en calquera situación de emerxencia.

A clasificación máis habitual das emerxencias é a seguinte:

Desastres naturais

Un desastre é unha alteración ecolóxica de inmensa magnitude. Require a participación conxunta de todas as organizacións dispoñibles ou asistencia externa (incluso estranxeira) para controlar e conter os seus efectos. A orixe está na propia natureza e os seus efectos sobre os seres humanos poden ser inmediatos ou manifestarse no transcurso do tempo. O grao de control sobre os desastres é escaso ou nulo na súa orixe e desenvolvemento.


Catástrofes inducidas

Son o resultado directo de accións intencionadas de individuos ou grupos aínda que, ás veces, prodúcense como consecuencia da perda de control sobre unha situación. Sempre teñen a súa orixe na decisión consciente dalgunhas persoas que poden non prever as súas consecuencias. A capacidade de control é moi variable, pero pode ser suficiente para minimizar os seus efectos. A gama é moi variada, desde incidentes en concentracións multitudinarias ata actos terroristas.


Accidentes

Os accidentes son situacións de emerxencia provocadas polo ser humano, xeralmente por omisión ou deixamento no cumprimento de normas, exceso de confianza, neglixencia ou conduta imprudente (erros humanos) ou tamén por fallos tecnolóxicos que suceden de modo inadvertido ou casual. A capacidade de control limítase ao inicio e á recuperación. Son de tipoloxía e efectos moi variados, sendo algúns deles extremadamente graves, como é o caso dos relacionados coa industria química ou con certos produtos radioactivos.